Entrevista a Brais Arribas



1. Como comezou o teu interese pola filosofía? 

    Pois esto é bonito, eu creo que a todos os que estudamos filosofía temos aí como un momento onde se nos aparece así como unha luceciña que nos leva a escoller este camiño. Supoño que a vosa experiencia persoal tamén. O demostra non precisamente está socialmente moi moi avaliado e non se nos empurra a que se escolla esta traxectoria académica. Entón, pode ser por un profesor ou profesora ou porque tes un familiar, un referente, un amigo que se adica a isto e che conta e che fala. Pero no meu caso foi a partires de, non sei moi ben por que ou non sei ben de onde collín a referencia, pero foi a partir de que lin os ensaios de Michelle de Montaigne cando ía en terceiro de BUC, eu estudaba todavía en BUC, e, pois collín o volume un dos ensaios na biblioteca, e literalmente me deixou abraiado a súa maneira de enfocar os problemas, de encaralos dende unha perspectiva á vez persoal pero universal, é dicir, amosando que hai moitos problemas que son necesarios que reflictas sobre eles dende unha posición autónoma túa, que fagas o esforzo por entender pois o que significa que existan diferenzas entre as persoas ou o comportamento, ou os distintos valores e códigos morais que artellan a vida das persoas en distintas sociedades, pero que á vez intentes ofrecer unha resposta que sexa o suficientemente consistente como para que sexa xeral, iso é o que intenta facer Montaigne continuamente en torno a un montón de temas. E ademais, me gustaba moito esa apertura de miras, esa perspectiva tan ampla, esa capacidade para interesarse por practicamente por calquera aspecto e dende o detalle máis pequeno e nímio, ser capaz de ir tirando do fío e ir ofrecendo unha visión, que a min me parecía moi intensa, moi rica, non sei, me parecía que detrás desa reflexión a persoa crecía, como que o crecemento persoal está baseado non en logros materiais, ou non en ter éxito profesional, senón nesa especie de comprensión ampla de como funcionan as cousas. E logo porque detrás dos ensaios hai unha idea que para min aínda segue sendo hoxe un referente no meu traballo que é que o pensamento máis interesante é o que respecta a diferenza e o que intenta comprendela e achegarse a ela sen dominala sen tomala, sen apropiarse dela e dende logo coa vocación de aprender de interesarse polo que fai alguén, que non se comporta coma ti, non fai o que ti fas. E logo, e xa remato, e porque en Montaigne, ademais hai un montón de referentes clásicos, e a partir de aí, citas de Platón, citas de Aristóteles, citas de Epicuro, citas de Cicerón, citas do mundo clásico, que te ensinan que nos clásicos se atopan en realidade a riqueza teórica que temos que nós aínda que estar moi atentos a elas. 

2. Pertences a algunha corrente filosófica? 

    Bueno, todos en filosofía nos adscribimos a unha corrente filosófica. A vós, se vos acaba interesando de verdade e continuades coa filosofía despois da carreira, veredes que polos propios intereses particulares ou polos autores ou autoras que vos vades atopando, hai algúns cos que vos sentides representados e como que algún que falan da mesma lonxitude de onda que pensas ti. No meu caso pasou algo así con Vattimo, Giovanni Vattimo, foi así como o primeiro pensador que me adiquei a estudalo con seriedade, con profundidade, que non sei se sabedes que Vattimo é o principal representante, pódese denominar hermenéutica crítica, pensamento débil e dende entón, é certo que me teño achegado a un montón de correntes distintas, de escolas diversas e auotres e autoras que non teñen moito que ver con esta proposta, pero ao final sempre os leo dende a clave teórica propia do pensamento débil ou da hermenéutica crítica, sempre fago como unha especie de contraste. Isto forma un pouco parte das ideas claves da hermenéutica crítica que é que nós nunca vemos a realidade dunha maneira directa, de modo que non hai un suxeito e un obxecto, e non somos entidades neutras, ascéticas que vemos as cousas tal e como son. E o obxecto se nos presenta como algo que podemos apresar completamente, senón que nós sempre estamos dentro, pertencemos a un contexto, estamos nunha tradición , formamos parte dunha comunidade lingüística, temos as nosas experiencias persoais, os nosos gustos, os nosos intereses, e todo eso está xogando como un mediador na nosa maneira de comprender a realidade que polo tanto non é unha realidade maiúscula, non hai unha verdade obxectiva, senón que son microposicións, posicións débiles, isto é situadas, contextualizadas. Isto non quere dicir que as nosas posicións sexan relativas, que valgan todas igual unhas que outras, non, senón que para analizar como observamos a realidade temos que ter en conta que todos eses condicionantes que nos fan que vexamos a realidade desa maneira e non doutra. Entón, a min me pasa esto, eu vexo a realidade ou as problemáticas de carácter filosófico dentro da intermediación que me ofrece a hermenéutica crítica, entonces si, probablemente sexa un pensador debilista ou debolista. 

3. En relación coa túa tese, como foi esa tese e non outra? E quen foi quen te guiou na súa elaboración?

    Pois a tese foi por esto que vos comentei, pero en realidade eu primeiro aprobei as oposicións de secundaria. Eu acabei a carreira e me puxen a estudar as opos de secundaria, isto que me comentabas antes, que vamos facer, que vou facer ao acabar a carreira, e miña nai xa me dicía, a ver agora que fas, entón dixen, mecago en diola, vou aquí, vou a labrarme un futuro e me puxen a estudar as oposicións, e saqueinas bastante pronto por sorte. Entón, logo empecei coa tese e o que pasa é que mentres que eu estaba, xa na carreira, e ao rematar, mentres estaba a preparar as oposicións, fixemos unha especie de colectivo, de compañeiros meus de filosofía, algúns que xa marcharan a estudar a outras universidades, algúns a Barcelona ou a Complutense ou a UNED, e mantíñamos o contacto e formamos un colectivo que se chamou Proxecto Derriba, e aí o que intentábamos era traer pensamento contemporáneo á lingua galega. Entón, cada un, dentro das súas posibilidades, escolleu así algún autor ou autora coa idea de facer cursos, facer conferencias, escribir textos, empezamos a publicar unha revista. Digamos que eu me metín un pouco co pensamento italiano en xeral e con Vattimo en particular, entón empecei a traballar por aí e me puxen cos cursos de doutoramento, e nos cursos de doutoramento, agora é un máster o que se fai, fas a tese, pero eu aínda nos cursos de doutoramento o segundo ano tíñamos que facer unha tesina. Entón eu fixen a tesina sobre Vattimo e digamos que te colocan para que che dirixa a tesina alguén que sexa próximo ou vinculado ou especialista, e a min puxéronme coa especialista máis importante de, eu creo que de hermenéutica dende Heidegger, dende Nieztsche ata Vattimo, pasando por Gadamer e por outros autores como Ricoer, que é Teresa Oñate. Entón me puxen a traballar con Teresa Oñate, que xa me dixo que tiña que facer a tese de Vattimo, e ás veces aí, cando che din con moito interés que “tes que”, pois dis, bueno, entón fixen a tese sobre Vattimo, pero bueno intentando vinculalo con todos ese autores de hermenéutica. 

4. Cales dirías que son as influencias que tiveches? 

    Pois eu non sei que tipo de filosofía vos gusta, pero se non vos gusta a filosofía analítica, isto é hai un pensamento causal onde unha idea me leva a outra e onde parece que tes que seguir unha especie de cálculo dedutivo e inferir consecuencias a partir das premisas que ti tes, se non vos gusta eso, pois entón probablemente vos sintades atraídas por un sentido filosófico que é máis literario, moi discutido isto de se son auténticos filósofos, claro, todos analíticos os anglosaxóns, os ingleses e norteamericanos se tirán os pelos ante isto, que é de corte nietzschiano, que é un pouco o que inaugura esta maneira de escribir, suxestiva, cargada de imaxes e símbolos, metáforas, nas que o lector ten que facer o esforzo de comprender que é o que se me está dicindo, non é vou demostrar esta tese, parto de aquí e chego a esto, pum pum pum, non hai que, é un estilo de escritura que prolifera que vai avanzando conforme, como se fai na escrita creativa me parece. O estilo de filosofía que a min me gusta ten moito de estilo de escrita creativa, entón pois todos eses pensadores que recolleron esa maneira de filosofar, que xurden en Nieztsche, ou teñen nel así como o primeiro gran referente na época contemporánea, porque ao fin e ao cabo Nieztsche vive na segunda metade do século XIX, pois entón a partir de aí Heidegger, Deleuze, Derrida, Foucault, e todos estes autores contemporáneos que vos comentaba e algún outro Roberto Espósito, que é outro autor italiano que vos animo a ler, outros incluso, máis polémicos, Zizek, me gusta polo que ten de poñer a cara para que lla rompan coas súas teses polémicas, e logo moitas autoras, a verdade é que filósofas cotemporáneas hai moitísimas moi interesantes. Probablemente a que controlo máis é Rosa Brandotti, que tamén vola recomendo, Judith Butler, Vandana Shiva, esas son un pouquiño. Pero eu non lles chego nin a altura dos tobillos. 

5. Como evolucionou o teu pensamento? 

    Pois non sei se evolucionou, si que evolucionou a escrita, eso si que moitos cambios a miña maneira de acceder ao problema. Probablemente non sei se vos pasa que cando, aparentemente dominades máis un problema porque tendes máis referencias as cales achegarvos entón tes unha composición, digamos máis ampla de como opera un determinado discurso e nun contexto determinado, pois precisamente me resulta máis difícil lanzarme a unha escrita en relación a esa cuestión. Entón agora son moito máis cauteloso, son moito máis precavido á hora de atreverme a soster unha determinada tese e traballar con ela, entón eso estame levando a adoptar nas miñas investigacións, que basicamente son de lectura, de lectura e exposicións, pois ao final sempre acabas poñendo de ti, ao final estás interpretando o que di ou deixa de dicir alguén. Entón, estou optando que máis de defender determinada tese, por sinalar un conxunto de problemas que se abren en torno a un determinado problema. Entón, ese foi un pouco o enfoque ao que me acheguei ao tema da eutanasia, porque me acheguei ás cuestións que tratei en Vir a menos, e sobre todo as cuestións vinculadas ao transhumanismo, onde alguén que lese os libros podería pensar tampouco é que haxa unha opinión definida en torno a ese problema. Probablemente a miña visión quede tan agochada ou quede como moito suxerifa ou non debuxada, polo que igual, quen lle bote un ollo a eses textos se quede un pouco insatisfeito, pero me parece máis interesante facelo así, que logo o que le chegue unha conclusión por si mesmo, que pense un pouco sobre as ideas que foron aí aparecendo ou que investigue pola súa conta. Bueno, aquí hai esta serie de perspectivas, se veron estas ideas, se tocaron esta serie de autores ou autoras, pero bueno, aquí o debate non esta nin moito menos pechado, que parece que só os moi grandes poden defender así con soltura e confianza unha serie de teses. Por iso, por exemplo de Zizek, co que estou en desacordo en moitas cousas, pero que me gusta moito esa capacidade que ten el para, bueno, vou defender esto e veña. Eu creo que a miña maneira de elaborar pensamento filosófico se vai difuminando un pouco máis. 

6. Cales dirías que son as túas liñas de investigación a grandes trazos? 

    Bueno, orixinariamente hermenéutica, e logo todo o que vai vinculado a ela, claro. A min me interesan moito os problemas concretos e creo que a filosofía o que nos ofrece é unha ferramenta crítica para entender a realidade na que vivimos, pero para actuar sobre ela. O sea, eu creo que os gregos, todos os gregos defendían esto e as escolas helenísticas aínda máis. A filosofía é unha maneira de vivir, o que ti pensas te debe de levar a comportarte dunha determinada maneira na túa vida, pero claro, a filosofía práctica, por si mesma é inconsistente, ou polo menos tal e como me parece a min, se non se sustenta nunha concepción da realidade, é dicir, na ontoloxía. O sea, que por moito que ti teñas unha vocación práctica e te interesen cuestións como o feminismo, ou a teoría queer, a ecoloxía, o animalismo, é dicir, cuestións de profundo carácter ético ou político, ou o retorno dos totalitarismos, ao final a túa perspectiva tense que basear nunha determinada maneira de concebir como son as cousas. Entón interésame moito a ontoloxía, de feito, recurrentemente aparco eses outros temas e me meto máis en perspectivas que serían de filosofía dura. Agora por exemplo, adiquei o último ano e medio estiven lendo moito o que se chama ontoloxía orientada a obxectos, que non sei se vos soa un pouco, bueno, é unha proposta que formulou un tío que se chama Graham Harman e a partires de aí foron aparecendo unha serie de autores un pouco vinculados aí para criticalos ou estar ao seu favor, entón eso, hermenéutica, ontoloxía e logo cuestións que eu vou vendo que temos que debater hoxe, que a filosofía tense que posicionar co pouco que un pode contribuír ao debate, pois ten que polo menos amosar que hai un interese filosófico en por exemplo no transhumanismo ou esto que vos comentaba, o animalismo. Agora traballei bastantes cousas de realidade e ecoloxía, pero a aproximación é ontolóxica, por exemplo publiquei un texto que é Fundamentos ontolóxicos da ecoloxía. e claro, igual alguén que é ecoloxista pois igual non é a lectura que en principio máis lle interesa ler, porque xa dá por sentado que hai que ser ecoloxista, pero non, nós temos que preguntarnos dende onde nos posicionamos para que a ecoloxía sexa unha posición lexítima, e eso é ontoloxía. Entón, hermenéutica, ontoloxía e bueno problemas derivados da filosofía práctica. 

7. Profesionalmente en que punto estás da túa vida? 

    Pois, acabo de empezar na universidade, estiven moitos anos de profesor de secundaria, moitos anos en moitos sitios de Galicia. Foi unha experiencia moi bonita, pero apareceu a posibilidade de entrar na universidade de Vigo e acabo de entrar fai uns meses e de momento para min a experiencia está sendo moi boa porque tes liberdade para desenvolver un traballo de investigación que é o que se pide. Ata agora eu fixen todo este traballo de investigación, non vou dicir por vocación, pero porque quixen, non remunerado nin recoñecido. De feito, tampouco se espera iso, nin remuneración nin recoñecemento, pero bueno, porque me apetecía. Pero agora sí que forma parte da miña traxectoria profesional e do que teño que facer, teño que impartir aulas, pero tamén teño que investigar. Entón, nese sentido estou bastante contento. É certo que non estou na facultade de filosofía, xa que na universidade de Vigo non se da o grado de Filosofía. Estou na facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social, pero teño unha materia que é propiamente filosófica e o meu pobre alumnado, pois está tendo que ver correntes filosóficas contemporáneas, dende Heidegger ata o animalismo. 

8. Formas parte dalgún grupo de investigación filosófica? 

    Sí, formo parte dun grupo de investigación que se chama Hercritia, que é unha derivación dun grupo de investigación que había na UNED que se chamaba Onleñeres (que era ontoloxía, linguaxe, hermenéutica e estética) e agora decidiron poñer este nome que é hermenéutica crítica, entón fanse moitas cousas en realidade. Os grupos de investigación en filosofía xeralmente o que tratan é de promocionar investigadores e difundir o pensamento, non que se vai creando, porque ao final a filosofía é todo unha relectura, é todo unha volta sobre, para ofrecer algo que sexa parcialmente novidoso. Entón fanse moitas cousas; congresos, seminarios, publicacións, cursos de mestrado, intercambio de profesorado, intercambio de alumnado, se están xerando becas de postdoutoramento, becas de predoutoramento, traducción de textos, e bueno, todo ese traballo que é no que consiste a investigación en Filosofía. 

9. Como foi a túa experiencia na UNED e na USC respectivamente? 

    Eu estudiei na universidade de Santiago, e o doutoramento enteiro fíxeno na UNED e agora son profesor-titor na UNED na Coruña. En canto a miña perspectiva diferente como alumno nunha e noutra, é que claro son cousas distintas tamén, é un pouco inxusto comparalo, pero bueno, agora podo facelo dende a perspectiva do profesor. En Santiago na presencial está todo como máis regrado. Eu creo que no momento no que acabei a carreira se comezaron a facer máis seminarios e houbo un pouco máis de interese en introducir ao alumnado no que é a investigación filosófica, pero me daba a sensación que tiña aínda esa mentalidade case de secundaria ou de COU, de pensar...haber que me entra? Esto teño que estudalo ou non? Este texto teño que aprendelo? Que pregunta nos vai caer? Tiña aínda esa mentalidade un pouco instrumental, mentres que logo xa na UNED era todo máis aberto, a túa bola. Tes estas materias, ti que queres investigar? Que temas te interesan? Entón, claro ahí tes que pensar que te interesa a ti, polo que é enriquecedor porque te da a posibilidade de ter a liberdade para escoller as túas referencias bibliográficas, os temas que a ti te interesan. Despois como profesor-titor da UNED, a UNED é moi ampla, teñen uns manuais que son amplísimos. Entón o que se intenta creo eu é de sintetizar, de atopar o que é relevante, o que verdadeiramente o alumnado debera de saber, e eu creo que o alumnado tamén busca un pouquiño eso, que o orientes entre todo este marasmo de pensadores, escolas e correntes, que é relevante ou onde me teño que apoiar, entón na UNED se da moita mais liberdade ao alumno, non hai esa guía que tedes vos, ou na que vos os podedes axudar na USC co profesorado. 

10. Cal é o teu proceso de escritura? 

    O meu proceso de escritura é de enfadarme conmigo mesmo, polo mal que escribo. O proceso de escritura é un proceso de corrección. Entón o que fago é que, hai algúns momentos nos que supoño que vos pasará a vós, estás máis lúcido, entón escribes moito e tes máis facilidade para escribir, entón escribes, e logo, borras, e reestructuras, isto debería ir aquí, isto debería ir alá. Pero en realidade o que estou vendo que funciona mellor é de facelo dunha maneira moito máis tradicional. Sentarme diante dun papel, non diante do ordenador, e facer por esquema, que quero dicir? Que ideas son as que quero dicir? Que autores ou autoras traballan estas ideas? E dentro desto, que é o que a min me parece máis atractivo, máis suxestivo, está menos traballado, por onde se pode tirar un pouco máis á hora de investigar, e intentar seguir un fío estructurado. A escrita non ten que ser esto de premisa-conclusión, pero si que ten que ter un fío argumentativo, ten que haber unha coherencia interna que amose que se están dicindo certas ideas que se orientan cara un determinado lugar, que o que se di sexa cabal. Por iso a min me axuda moito facer eses apartados, entón se quero facer un artigo, teño 15 páxinas quero falar destes catro puntos, teño este marxe para escribilo, e se son textos maiores ou un libro, entón o divides en capítulos e vas facendo unha técnica semellante, pero digamos que do esqueleto á escrita e logo sobre todo corrección, corrección, moita corrección, moito borrado, por iso cando leo algo que escribín fai tempo me gustaría borralo, eliminalo, que non existira ou volvelo a reescribir, corrixilo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

REBECA BACEIREDO

Entrevista a Ramón Regueira